|
O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, destacou o efecto multiplicador dos apoios financeiros ás empresas, que permitiron un investimento de cerca de 2.000 millóns de euros no exercicio. Anunciou que para o ano 2009 o Igape aprobou novas liñas de financiamento por 605 millóns de euro. O presidente do Igape e Xesgalicia destacou o papel de instituto de finanzas que están a desenvolver ambos entes captando recursos para facilitar o financiamento das empresas galegas.
O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, realizou hoxe o balance das medidas de financiamento empresarial no que destacou que entre o Igape e Xesgalicia se apoiou durante 2008 ás empresas galegas cun financiamento por importe de 750 millóns de euros, cantidade que permitiu mobilizar un investimento de cerca de 2.000 millóns de euros en proxectos empresariais. O conselleiro destacou esta importante achega de fondos ao tecido produtivo de Galicia na situación actual. “Nun momento de restrición de crédito, este papel de axudas financeiras, de aportar liquidez e financiamento ás empresas, é unha clara prioridade deste goberno e a través do Igape e Xesgalicia que, nese papel de instituto de finanzas, captan recursos para aportar ao tecido produtivo, ás empresas galegas, e tamén para novos proxectos”.
Dos 750 millóns de euros, explicou o conselleiro, 105 foron subvencións directas; 500 millóns en préstamos; 62 millóns en avais, e 75 millóns de capital risco. Neste sentido, Fernández Antonio destacou o peso do financiamento de carácter reembolsable fronte á subvencións, para subliñar o modelo que está a desenvolver o Igape e Xesgalicia. Neste sentido, segundo engadiu, o préstamo acordado co Banco Europeo de Investimentos (BEI) o pasado luns, “é o maior concedido por esta entidade en Europa a unha axencia de desenvolvemento rexional”.
Xunto co balance de 2008, o conselleiro deu conta do tratado hoxe os consellos de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e Xesgalicia, que aprobaron operacións de financiamento a empresas a través de avais por un importe de 21 millóns de euros. Entre as empresas figuran Copo, Viza e MGI Coutier, no sector da automoción; e Lanera e Montoto no téxtil.
Ademais, no ámbito do capital risco, aprobouse unha operación de participación no proxecto de nova creación ABCR Labs ao que Xesgalicia destinará 1,2 millóns de euros entre participación no capital social e préstamo participativo. O proxecto contempla a construción dunha planta de produción de compostos de silicio para fabricación de produtos como fármacos, químicos, adhesivos, pegamentos e revestimentos de microelectrónica e aparellos médicos. O emprego directo previsto inicialmente ascende a 54 traballadores.
Finanacimento para o ano 2009
O conselleiro tamén explicou as novas liñas de financiamento aprobadas para o ano 2009 nas que destacou tres. O financiamento a pemes con fondos do ICO por importe de 550 millóns de euros; o financiamento de microempresas e emprendedores por 40 millóns de euros; e o financiamento de producións audivisuais por 15 millóns de euros. En total, segundo explicou Fernández Antonio, novas liñas de préstamos para o próximo ano por importe de 605 millóns de euros. No programa de financiamento das catro liñas ICO o Igape subsidirá o xuro con 0,65 puntos, e 2 puntos adicionais (ata o 2,65) no caso de proxectos que se localicen en concellos incluidos no Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia.
Fuente: www.igape.es
|